• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

CAAMAÑO&AMEIXEIRAS: «O FEITO DE TER A RITOLOXÍA POPULAR COMO LEITMOTIV RESULTOUNOS TREMENDAMENTE INSPIRADOR»

CAAMAÑO&AMEIXEIRAS: «O FEITO DE TER A RITOLOXÍA POPULAR COMO LEITMOTIV RESULTOUNOS TREMENDAMENTE INSPIRADOR»
20 NOVEMBRO 2023

O de Caamaño&Ameixeiras ten un pouco de destino e outro pouco de azar. Daquela xuntanza casual, hai xa cinco anos, Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (voz, violín) construíron un proxecto musical baseado na música de raíz e de baile. Un dúo acústico de violín, acordeón e voz capaz de crear unha linguaxe propia e única, con composicións e arranxos persoais e vivos que manteñen a esencia do popular incorporando, ao mesmo tempo, recursos contemporáneos, colocando a emoción en primeira plana.

Como unha invitación a cantar e bailar con elas, con Aire! (Segell Microscopi, 2021) déronse a coñecer ao mundo, un debut discográfico que foi acollido cos brazos abertos por crítica e público. Caamaño&Ameixeiras presenta agora o seu segundo traballo, Quitar o aire (Raso Estudio, 2023), no que o dúo fai que acordeón e violín «conversen», sendo eles os que conten os ritos e rituais galegos nos que está inspirado.

 

 

Foto © Yatir

 

Coa tradición como punto de partida, hai cinco anos que nace Caamaño&Ameixeiras. Como vos xuntastes para conformar o dúo?

Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras: «Foi unha xuntanza casual e bonita. Nós xa nos coñeciamos de vista, do mundo das foliadas de Compostela, pero a primeira artífice do proxecto foi unha amiga en común, que fixo de “celestina musical”. Comentounos a cada unha de nós que lle parecía que cadraríamos moi ben, tanto no musical como no persoal, e que tiñamos que facer algo xuntas.

A partir de aí comezamos a quedar de xeito informal e vimos que tiña toda a razón, que eramos medias laranxas musicais, e aos poucos foi xurdindo a idea de crear un proxecto profesional».

 

Como definiría Sabela e Antía a música de Caamaño&Ameixeiras?

Sabela e Antía: «En xeral non nos gustan as etiquetas. Partimos da música tradicional galega e, en xeral, das músicas de raíz e de baile —ben sexa literalmente, como material de base para a creación dun tema, ou indirectamente, como inspiración para a composición de material novo— e pasamos esa materia prima polo filtro dos nosos propios universos musicais, influídos á súa vez pola nosa formación e conformados polas nosas vivencias, inquedanzas e experiencias musicais. En definitiva, intentamos levar aquilo que nos emociona á nosa propia linguaxe».

 

Foto © Yatir

 

O dúo instrumental composto por acordeón e violín é máis propio do folclore centroeuropeo que do noso. Influenciou este folclore, ou outros folclores do mundo, na conformación do voso son?

Sabela e Antía: «Si que é certo que, en xeral, o tándem violín-acordeón é máis común noutras partes de Europa, pero tanto o violín coma o acordeón son instrumentos moi presentes na música popular galega. Nós queremos crer que o noso son está inspirado na música tradicional galega, nas cantareiras e nas pandeireteiras. E, sobre todo, neste último disco esforzámonos en intentar “traducir” esa sonoridade aos nosos instrumentos.

Porén, sen dúbida tamén temos moitos referentes a nivel europeo que influíron en como entendemos o noso instrumento, o noso son e a nosa formación sonora».

 

Ademais de proxectos paralelos —como o (tristemente) desaparecido Oîma ou Banda Bacana— ambas tamén adoitades colaborar (ou tedes colaborado) con grandes nomes da escena musical galega como Abraham Cupeiro, Luar na Lubre, Mercedes Peón, Carlos Núñez... Que gardastes no peto de compartir táboas con eles?

Sabela e Antía: «Foi unha aprendizaxe marabillosa compartir palco e xiras con grandes nomes da nosa música; estamos moi agradecidas pola oportunidade, porque toda esta bagaxe creounos coma as músicas que somos hoxe.

Por outra parte, compartir música con amigas é unha das cousas que máis nos gusta e que máis desfrutamos. Sempre se aprende de todo o mundo e de todas as situacións, pero se ademais son artistas admiradas, moito máis. E cremos que unha das aprendizaxes máis importantes é a de liderar un proxecto musical desde a sororidade, o cariño e os coidados».

 

 

 

Debutades discograficamente con Aire! (Segell Microscopi, 2021). O seu primeiro sinxelo foi “Florencio”, unha homenaxe á tradición, ao popular, ás raíces. De feito, no seu videoclip apareciades interpretando o tema desde a terra... «xermolando» nunha leira. Unha imaxe que semella toda unha declaración de intencións, é así?

Sabela e Antía: «Para nós ese vídeo é unha homenaxe a toda esa xente que traballou arreo para coidar, manter vivo e defender o noso folclore e a nosa música tradicional: as señoras e señores que cantaban e tocaban, as asociacións de baile e música tradicional, a xente que percorreu as vilas para transmitir e recompilar todo ese patrimonio inmaterial.

Tamén á xente que loita cada día para que ese patrimonio sexa de dominio público e a que comparte os seus arquivos xenerosamente. Grazas a toda esa xente, hoxe, nós e as novas xeracións podemos aproximarnos máis preto a ese mundo que xa non podemos vivir, pero que existe doutro xeito. Grazas a esa xente xermolamos nós».

 

 

En “Maneo de Cambre”, escoitamos a voz da cantautora catalá Sílvia Pérez Cruz e o clarinete de Carola Ortiz. Son parte dun nutrido número de colaboradores entre os que tamén están Abraham Cupeiro, Pablo Martín Jones, Xavi Lozano... Como foron xurdindo esas colaboracións e que pensades que achegan ao disco?

Sabela e Antía: «En Aire!, o noso disco de presentación ao mundo, queriamos celebrar e compartir música con xente querida e admirada.

As colaboracións foron xurdindo de xeito casual e natural, e pensamos que enriquecen moito o disco, xa que son todas moi diferentes e achegan distintas miradas, distintas voces, distintos modos de sentir. Este enfoque contrasta co noso novo disco, onde quixemos mirar máis cara a dentro e facer un traballo máis persoal, máis íntimo, máis noso».

 

 

En “Alegría dioʼla Dea!” estades acompañadas do dúo burgalés Fetén Fetén. Diego Galaz, un dos seus compoñentes e de longa traxectoria na música popular da Península, é tamén o produtor do disco. Como foi traballar con el?

Sabela e Antía: «Diego Galaz é un dos mellores músicos que coñecemos. Traballar con el foi xenial; aprendemos moitísimo, especialmente a tocar xuntas escoitándonos realmente a unha á outra para conseguir unha simbiose e unha conexión potente tanto a nivel sonoro como emocional».

 

 

Malia ser o primeiro, este traballo foi acollido cos brazos abertos pola crítica e o público, gañando premios como o Martín Códax da Música na categoría folk e o Opinión da Música de Raíz a Disco do Ano, entre outros. Pero como acollestes vós estes recoñecementos? Que significaron, tendo en conta que o proxecto estaba a dar os seus primeiros pasos?

Sabela e Antía: «Para nós significaron un pulo de motivación grande, un recoñecemento importante ao traballo e ao esforzo realizados, e moitos azos para seguir traballando e creando».

 

 

 

Vides de lanzar o voso novo disco, Quitar o aire (Raso Estudio, 2023), inspirado nos ritos e rituais galegos. No tema que dá título ao disco e en “Mortalla de morte, mortalla de amor” hai, de feito, algo de conxuro. Por que escollestes traballar arredor deste concepto?

Sabela e Antía: «A idea inicial de partida foi o rito de “quitar o aire” (de aí o nome do disco), xa que é un rito vivo, sobre todo na zona da Costa da Morte, onde as dúas temos raíces familiares; así que a idea de “ter o aire” e de “ir quitalo” está no noso imaxinario familiar.

Partindo de aí, decidimos investigar e afondar e atopamos un mundo riquísimo e dunha complexidade marabillosa, así que decidimos ampliar a mirada e abarcar a ritoloxía popular galega dende unha perspectiva máis ampla. O feito de ter a ritoloxía popular como leitmotiv resultounos tremendamente inspirador, porque ademais cremos que ten unha conexión directa coa música e o baile tradicional; as tres forman parte dun patrimonio cultural inmaterial co que nos identificamos e do que nos sentimos parte.

Sen entrar en xuízos de valor, e mirándoo desde un lugar diferente que o das nosas avoas, que formaban parte activa deste universo e desta forma de entender o mundo, parécenos un punto de partida marabilloso para levalo á nosa linguaxe, e crear música e discurso de acordo ao que queremos expresar e contar».

 

Nas letras, o amor e o desexo, e a morte semellan ser os temas centrais do disco. E a dualidade mesmo aparece ligada nunha mesma peza (“A pequena morte”, “Mortalla de morte, mortalla de amor”...). Son temas clásicos e protagonistas ambos de moitos ritos ancestrais. En aparencia son opostos, pero que conexións vedes entre ambos?

Sabela e Antía: «A conexión para nós é clara, desde o punto de vista que son os temas de interese central para o ser humano desde o albor dos tempos. Pensamos que, en esencia, non somos tan diferentes das nosas avoas, ou das avoas destas. O mundo cambiou moito no superficial, pero os anhelos e os problemas son os mesmos; todas queremos atopar o amor, a todas nos asusta a idea da morte.

Para nós tamén é un exercicio de humildade: non somos tan especiais nin o que nos pasa tan importante, xa o sentiron millóns de persoas antes ca nós».

 

 

Supoñemos que non é casualidade que se titule Quitar o aire, sabendo que o título do seu predecesor era Aire!... A nós sóanos, en xeral, máis escuro este segundo que o primeiro. É así? Por que esa referencia ao aire nos dous títulos?

Sabela e Antía: «A palabra “aire” é moi aberta e, no noso caso, está usada con acepcións diferentes en cada traballo. A verdade é que nos gustaba facer unha chiscadela ao noso primeiro disco, como un xeito de expresar que, aínda que a concepción do traballo é efectivamente moi distinta, seguimos sendo nós.

Dito isto, pode ser que si que sexa máis escuro; nós concibímolo como un disco máis visceral, máis introspectivo, máis profundo e, en definitiva, máis persoal».

 

Foto © Yatir

 

Aínda que o acordeón e o violín seguen a ser protagonistas, nesta segunda referencia escoitamos moita máis voz que no anterior. Que propiciou este xiro nas vosas pezas? Veu para quedar?

Sabela e Antía: «Nós entendemos a voz como un instrumento máis, que nos achega máis recursos tímbricos e sonoros, que nos abre portas a expresarnos doutra maneira.

Que haxa máis temas cantados que no disco anterior foi un feito moi casual. Os temas que fomos creando a partir de investigación en arquivos e recollidas e que nos cativaron eran maioritariamente temas cantados, e así os mantivemos».

 

Este segundo disco adiantabádelo con “A pequena morte”, con letra de Alba María, onde o desexo é expresado dun xeito poético, fronte á tendencia actual de facelo dun modo, digamos, moito máis explícito. Como se desenvolveu este tema en especial?

Sabela e Antía: «Estamos especialmente contentas coa letra deste tema. Queriamos evitar ser explícitas porque era un xeito de homenaxear a todas esas coplas tradicionais nas que o contido sexual está oculto con moita picardía, con simbolismos e dobres sentidos que nos parecen divertidos e enxeñosos».

 

 

O maior hype creado antes do lanzamento de “A pequena morte” foi o de Dolores e Manuel (que xa fixeran un cameo en “Florencio”), que contaban de que ía a canción coa perspectiva (e a linguaxe) que dá a experiencia. A quen se lle ocorreu tremenda estratexia de márketing? Porque a Dolores e a Manuel comprámoslles o que nos vendan!

Sabela e Antía: «Todo comezou cando se queixaron de que o noso nome non era comercial, que era moi difícil de pronunciar. Lonxe de pensar en cambialo, decidimos darlle a volta e sacarlle partido á situación. Decidimos facer un vídeo abrazando a realidade de que o noso nome efectivamente é bastante difícil de pronunciar e de lembrar, pero que todo pode lograrse co videotitorial axeitado.

A Dolores e Manuel encántalles que a neta os grave; sempre é tremendamente divertido gravar con eles, e ademais creamos un vínculo moi forte neses momentos, únenos moito. Así que xa son case a nosa “imaxe de marca”. De feito, temos pendente con eles anunciar o novo merchandising, para Nadal faremos nova campaña!».

 

 

Para a letra de “Ai de min” combinastes fragmentos propios, outros tradicionais e outros de Uxío Novoneyra. De que xeito construístes este colaxe?

Sabela e Antía: «A elaboración desa letra foi especialmente complexa. Démoslle moitas voltas a cada palabra, a cada verso, xa que é moi difícil falar do loito ou da tristeza profunda sen caer no sentimentalismo esaxerado.

Tiñamos moi claro o que queriamos transmitir e tamén que o estilo e a sonoridade da letra tiña que ser o das coplas tradicionais, xogando a que se puidesen “mimetizar” con elas».

 

 

Agás dúas pezas, as músicas do longo son tradicionais, arranxadas por vós mesmas. Como describiriades o proceso de adaptación e arranxos no que nós atopamos notables diferencias con Aire!?

Sabela e Antía: «O certo é que o proceso creativo segue a ser esencialmente o mesmo. A nós gústanos facer todos os procesos xuntas, darlle mil voltas a cada arranxo, probar todas as ideas que se nos ocorren.

Pero si que é verdade que para este traballo houbo un intenso proceso de procura e experimentación persoal de novas sonoridades nos nosos instrumentos, e pode ser que iso nos abrira máis a mente. Tamén, por suposto, está a man de Hevi, que nos guiou e nos convidou a saír dos clixés na nosa linguaxe instrumental e das marxes dos xéneros».

 

Para Quitar o aire sinalades a «dúas personiñas moi moi importantes». Unha delas é Hevi (Malandrómeda, Fluzo), un dos grandes produtores galegos, quen, apuntades, «pensou canda nós cada nota deste disco». E logo, como foi traballar man a man con el? Que achegou ao son de Caamaño&Ameixeiras?

Sabela e Antía: «Como diciamos, Hevi foi a terceira pata deste traballo. A súa concepción estética, a súa visión persoal e orixinal do son, da produción, das mesturas e do mesmo proceso de creación e de gravación fixo que Quitar o aire sexa o que é e soe como soa.

Cada decisión estética está pensada e reflexionada con el, moitas veces diante dun vaso de viño e dunha nécora».

 

Foto © Yatir

 

A outra «personiña» moi importante é Melania Freire, a directora creativa, responsable da parte visual (vestiario, videoclips, fotos, deseño...) que envolve Quitar o aire. De que xeito trasladou ese concepto dos rituais que rexe o álbum á parte estética?

Sabela e Antía: «Melania fixo un gran traballo, en colaboración con Judith Adataberna, que fixo a dirección de arte e vestiario nos dous videoclips que presentamos. Explicámoslle a nosa idea inicial, o concepto de partida, e a verdade é que nos entendemos rapidamente. Pareceulle moi inspirador e enseguida propuxo ideas para reforzar e trasladar todo iso á parte visual e estética».

 

Uns días despois do lanzamento do disco subistes ao escenario do Palacio da Ópera da Coruña no concerto inaugural da pasada edición de WOMEX, celebrado na cidade entre o 25 e o 29 de outubro. Como lembrades a experiencia?

Sabela e Antía: «Foi unha oportunidade de ouro e o certo é que foi impresionante tocar nun Pazo da Ópera cheo a desbordar de programadores e melómanos. A acollida do noso directo foi incrible e realmente motivadora, estamos moi felices e agardamos que esta participación nos faga levar Quitar o aire a moitas e diversas latitudes».

 

Só pasaron un par de anos entre ambos traballos pero, musical e profesionalmente, pensamos que eses dous anos foron testemuñas de grandes cousas. Que diferencias, ou similitudes vedes entre o voso álbum debut e este último disco?

Sabela e Antía: «As similitudes poden resumirse nunha frase: seguimos sendo nós, seguimos sendo un dúo acústico de violín, acordeón e voz. Sen electrónica, sen grandes artificios. Simple. Dentro diso, os traballos son sensiblemente diferentes.

O primeiro, Aire!, era a nosa carta de presentación ao mundo, e o proceso de elaboración e gravación foi completamente diferente. Gravamos temas que xa tocabamos, que xa estaban nos nosos directos; foi máis ben un traballo de revisión e profundidade do material que xa había. En canto á selección de temas, respondía a unha cuestión emocional. Todos os temas de Aire! son temas que, por unha ou outra razón, nos emocionaron ou foron importantes nalgún momento das nosas vidas.

Respecto a Quitar o aire, foi un traballo de construción desde cero e cunha lírica conceptual de fondo que o cohesiona todo. Neste caso partimos dunha idea extramusical, a ritoloxía popular, que nos levou a todo un proceso de investigación tanto antropolóxica coma musical e mesmo literaria. Foi un traballo titánico onde coidamos e pensamos cada detalle. Os temas están arranxados e compostos de acordo con esa lírica conceptual e coa mensaxe e discurso que queremos transmitir en cada un deles. Nin sequera é casualidade o propio número de temas; tiñamos claro que tiñan que ser nove, un número máxico e moi presente na ritoloxía popular».

 

Foto © Yatir

 

Desde o pistoletazo de saída na Capitol, xa levastes Quitar o aire a Caldas de Reis, Vigo, Madrid... como está ser a acollida do disco ao vivo?

Sabela e Antía: «A verdade é que non podemos estar máis contentas e agradecidas. Estase a xerar un ambiente moi especial nos concertos, case máxico, que nos emociona.

Para nós, tocar é algo moi íntimo e a enerxía e conexión que se xera entre nós é moi potente. Intentamos contaxiar esta sensación, irradiala, e que o propio concerto poida funcionar, en si mesmo, como unha especie de rito, de catarse compartida que faga que todas saiamos un pouco máis felices. E, polo menos, a nós funciónanos».

 

 

Quitar o aire ten moito de ritos e rituais, tedes vós algún á hora de subirvos ao escenario?

Sabela e Antía: «Nada especial. Mimarnos un pouquiño para subir coa mellor enerxía. Como diciamos, todo se contaxia».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Sabela e Antía: «Imos tirar para casa e recomendar ao máis grande: Malandrómeda».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza

Antía: «Eu penso que só tería que dar explicacións de que a canción máis escoitada (con diferencia) é “O polo Pepe”, que é o bálsamo máxico e tranquilizador dos meus sobriños. Logo soa María Arnal i Marcel Vallés, Rita Payés, Sílvia Pérez Cruz, Caldo, Ataque Escampe, Tarta Relena, Germán Díaz, Lorena Álvarez, Eliseo Parra...».

Sabela: «Na miña, depende do momento, da época, da hora mesmo. O meu Spotify é moi ecléctico, e funciono bastante “por refachos”. Agora mesmo, pódese atopar desde Rodrigo Cuevas ata Nils Frahm, desde Radiohead ata Ibrahim Maalouf... Tamén podcasts de historia, postos a contalo todo».

 

  noticias